Monday 29 de April de 2024

A Laracha acollerá o 29 de marzo un obradoiro con familias sobre educación na infancia e adolescencia


A inscrición xa está aberta e pode formalizarse en liña ou presencialmente no Concello.

O mércores da próxima semana, día 29 de marzo, a Casa da Cultura da Laracha acollerá de 18:00 a 20:00 horas o obradoiro titulado Comprender a adolescencia para educar desde a infancia no marco do Espazo Educa-Creando Pontes impulsado polo Centro de Formación e Recursos da Coruña da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Á fronte da iniciativa está Eduardo Barca, psicólogo educativo e traumaterapeuta infantil sistémico. É docente e investigador na Universidade da Coruña con máis de quince anos de experiencia na atención de nenos, adolescentes e familias e especializado en adopción, acollemento, problemas de conduta e alteracións emocionais.

A inscrición para participar neste obradoiro xa está aberta. Aquelas familias interesadas en participar deben inscribirse ben presencialmente no Concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que está dispoñible na web alaracha.gal e nas redes sociais municipais.